12 - 16 xuño 2023
PRAZA DA PEDREIRA
O cinema foi, e segue a ser, un ámbito de expresión artística mais tamén un lugar para narrar e representar o mundo. O colectivo LGBTIQA+ sempre atopou na sétima arte un espazo de complicidade e liberdade para crear referentes, amosar que outros mundos, diversos e disidentes, tamén son posibles.
AMBIENTA nace con vontade de amosar a mellor produción audiovisual, tanto no ámbito galego como a nivel internacional, da realidade LGBTIQA+. Unha mostra a pé de rúa que busca reivindicar un cinema de calidade que tamén recolla as vidas, os seres e os sentires de todas, todos e todes. Xorde para poñer as gafas do arco da vella e seguir construíndo unha sociedade onde a diversidade sexa un dos valores fundamentais e un lugar de encontro, cultura e socialización arredor do cinema para gozar, en boa compañía, do espazo público da cidade.
Mostra algúns dos filmes máis importantes do panorama internacional, tanto os que foron aclamados polo público e a crítica coma os que AMBIENTA descobre e achega ao público galego. Unha selección de creacións audiovisuais contemporáneas que reflicten a realidade LGBTIQA+ en distintas partes do mundo na actualidade ou no pasado recente.
Historias recén enfornadas que se exhiben en AMBIENTA por primeira vez no país, unha oportunidade única para descubrir o máis recente da creación audiovisual queer seleccionada polo Cineclube Pontevedra con vontade de impactar, sorprender e emocionar.
As series de TV foron e son o formato audiovisual de maior éxito entre o público. A aparición de novas plataformas de visualización ampliou o abano da oferta de producións de todo tipo, tamén as que poñen a comunidade LGBTIQA+ no centro. Con este novo espazo buscamos o diálogo con creadores e creadoras de series queer, tanto as máis recoñecidas e aclamadas como as alternativas e descoñecidas.
Explora as distintas vías de representación do colectivo desde unha aproximación honesta ás necesidades, triunfos e cotiandade da comunidade LGBTIQA+. Proposta de filmes documentais, seleccionados por Avante LBGT+, que nos achegan ao pasado, presente e perspectivas de futuro das persoas que viviron e viven alén da norma en distintas partes do planeta.
Achega as distintas realidades do colectivo LGBTIQA+ nun formato reducido que esperta grande interese por parte do público, con historias narradas en menos de 30 minutos. Un crisol de puntos de vista que dá conta da diversidade dentro do propio colectivo, seleccionado por FIC Bueu.