12 - 16 xuño 2023
PRAZA DA PEDREIRA
12 - 16 xuño 2023
PRAZA DA PEDREIRA
O cinema foi, e segue a ser, un ámbito de expresión artística mais tamén un lugar para narrar e representar o mundo. O colectivo LGBTIQA+ sempre atopou na sétima arte un espazo de complicidade e liberdade para crear referentes, amosar que outros mundos, diversos e disidentes, tamén son posibles.
AMBIENTA nace con vontade de amosar a mellor produción audiovisual, tanto no ámbito galego como a nivel internacional, da realidade LGBTIQA+. Unha mostra a pé de rúa que busca reivindicar un cinema de calidade que tamén recolla as vidas, os seres e os sentires de todas, todos e todes. Xorde para poñer as gafas do arco da vella e seguir construíndo unha sociedade onde a diversidade sexa un dos valores fundamentais e un lugar de encontro, cultura e socialización arredor do cinema para gozar, en boa compañía, do espazo público da cidade.
Mostra algúns dos filmes máis importantes do panorama internacional, tanto os que foron aclamados polo público e a crítica coma os que AMBIENTA descobre e achega ao público galego. Unha selección de creacións audiovisuais contemporáneas que reflicten a realidade LGBTIQA+ en distintas partes do mundo na actualidade ou no pasado recente.
Historias recén enfornadas que se exhiben en AMBIENTA por primeira vez no país, unha oportunidade única para descubrir o máis recente da creación audiovisual queer seleccionada polo Cineclube Pontevedra con vontade de impactar, sorprender e emocionar.
As series de TV foron e son o formato audiovisual de maior éxito entre o público. A aparición de novas plataformas de visualización ampliou o abano da oferta de producións de todo tipo, tamén as que poñen a comunidade LGBTIQA+ no centro. Con este novo espazo buscamos o diálogo con creadores e creadoras de series queer, tanto as máis recoñecidas e aclamadas como as alternativas e descoñecidas.
Explora as distintas vías de representación do colectivo desde unha aproximación honesta ás necesidades, triunfos e cotiandade da comunidade LGBTIQA+. Proposta de filmes documentais, seleccionados por Avante LBGT+, que nos achegan ao pasado, presente e perspectivas de futuro das persoas que viviron e viven alén da norma en distintas partes do planeta.
Achega as distintas realidades do colectivo LGBTIQA+ nun formato reducido que esperta grande interese por parte do público, con historias narradas en menos de 30 minutos. Un crisol de puntos de vista que dá conta da diversidade dentro do propio colectivo, seleccionado por FIC Bueu.
Este sitio web utiliza cookies coa finalidade de prestarlle unha mellor experiencia na súa navegación. Así mesmo, no caso de que preste o seu consentimento, utilizaremos cookies que nos permitan obter máis información acerca das súas preferencias e personalizar o noso sitio web de conformidade cos seus intereses individuais, para que teña unha navegación máis fluída e personalizada.
Pascal filma unha banda xuvenil nun skatepark e, no entanto, nace unha atracción mutua entre el e Joel.
Seducido polo encanto do rapaz, convídao á súa casa co pretexto de “editar a película”. Xa alí, Pascal cuestiona a súa decisión ao decatarse de que Joel ten só dezaseis anos e xórdenlle unha chea de dúbidas.
Cooper Josephine loita co seu proceso de transición. Na súa procura de identidade, enfróntase ás expectativas da familia e aos prexuízos sociais ao longo dun camiño certo cara a si mesma.
Xoana pasa o verán cunhas amigas. Entre elas está Emma, unha rapaza coa que comeza a explorar algo máis ca unha amizade. Porén, Xoana nunca tivo relacións sexuais, e a idea de dar ese paso xéralle medo e inseguridade. Os seus pensamentos, cargados de dúbidas e temores, difi cultan o avance da súa relación con Emma.
Iván é un home trans que traballa como carretilleiro nos almacéns duns invernadoiros no sur de Europa. Contra todo prognóstico, namórase de Hadoum, unha compañeira hispanomarroquí da cinta de envasado. A contracorrente, vivirán o seu amor entre invernadoiros e praias, xa que nin a familia de Iván nin a de Hadoum están a favor desa relación.
IVÁN & HADOUM tivo a súa estrea mundial na sección Panorama da Berlinale, onde gañou o Teddy Award; a súa estrea estatal no Festival de Málaga, onde acadou a Biznaga de Prata Premio Especial do Xurado, a Biznaga de Prata ao Mellor Guión e a Mención Especial ao Mellor Actor (Silver Chicón), e estivo presente no Festival D’A de Barcelona.
*TEDDY AWARD, premio de cine queer máis destacado do mundo, na Berlinale (2026).
Festival de Cine de Málaga (2026):
Biznaga de Prata ao Mellor Guión (Ian de la Rosa).
Biznaga de Prata ao Premio Especial do Xurado.
Mención Especial do Xurado a Mellor Interpretación Masculina (Silver Chicón).
9 LUNAS é unha comedia feel good que narra a historia de Ángel, un novo e atractivo adestrador persoal ao que a vida lle sorrí. Após dun ano sabático, acaba de ser contratado polo mellor ximnasio da cidade, e todo parece ir sobre rodas. Pero o seu mundo dá un xiro cando comeza a atoparse mal, acode ao hospital e recibe unha noticia inesperada: está embarazado. E é que, en realidade, Ángel é un home trans ao que só lle faltaba un último paso para completar a súa transición e agora deberá enfrontarse a unha decisión que porá a proba a súa identidade, os seus soños e a maneira en que entende a súa propia masculinidade.
Unha proposta audiovisual que vai dar moito que falar e que pensar, remover conciencias, celebrar novas realidades e sacarnos da nosa zona de confort.
Adela é unha muller de carácter conservador e respectada na súa comunidade. Vive nunha pequena vila en compañía da súa asistenta, Isabelita, con quen mantén un vínculo especial. Logo de propoñérenlle matrimonio e de viaxar a Madrid para unha consulta médica, Adela decide facerlles fronte a certas pantasmas que a acompañan desde hai tempo e que lle devolven unha imaxe que se resiste en recoñecer. Ante a idea insoportable de volver á súa vila, Adela múdase a Madrid para comezar unha nova vida cunha nova identidade.
Un fantástico momento para revisitar en pantalla grande este filme clásico, agora que se vén de estrear unha nova versión producida por Javier Calvo e Javier Ambrossi, con guión de Alana S. Portero e dirixida por Fernando González Molina.
*Nomeada a Mellor Película de Fala non Inglesa nos Oscar (1973).
Mellor Actor (José Luis López Vázquez) no Festival de Chicago (1972).
Mellor Director, Mellor Guión, Mellor Actor, Mellor Actor de Reparto para o Círculo de Escritores Cinematográficos (1972).
CONTANDO LOS DÍAS é unha comedia romántica transmedia en formato vertical que conta, con humor e tenrura, o inicio da relación entre Ana e Claudia. Unha historia próxima que amosa como o cotián se converte no escenario perfecto para explorar o amor, as emocións e as contradicións da vida diaria.
A primeira tempada consta de 34 episodios, cada un deles é un reel autoconclusivo pensado inicialmente para Instagram, mais tamén con presenza en TikTok e YouTube. Unha nova forma de contar historias, con textos, audios, stickers, GIFs, fotos, videos, emojis… Unha experiencia multiplataforma na que a audiencia interactúa e forma parte da historia.
*Nomeada a Mellor Web Serie nos Premios Mestre Mateo (2026).
Nomeada a Mellor Creación en Nuevos Medios nos Premios ODA (2025).
Seleccionada en FECICAM Festival de Cine Emergente de Ciudad Real (2025).
Mellor serie no LESFEST de Lima, Perú (2026).